Somos un pequeno Concello do sur da provincia de Pontevedra formado por 9.300 veciños e veciñas. Nos últimos anos, somos uns dos concellos de Galicia nos que máis aumentou a poboación, sendo ademáis dos poucos cun saldo vexetativo positivo e con máis poboación de menos de 16 anos que de máis de 65.
Esta poboación xove fai que dende o concello se puxeran en marcha moitas iniciativas no ámbito das novas tecnoloxías e a dixitalización.
O 95% das vivendas de Salceda contan con acceso a internet de alta velocidade por fibra óptica, incluídas as vivendas do rural.
Contamos con puntos e equipos informáticos para que a veciñanza poida conectarse a internet.
Contamos cunha rede de puntos de acceso wifi de alta velocidade nas principais prazas e rúas e edificios públicos.
Dixitalizamos os nosos recursos naturais e turísticos, incluíndo códigos QR nos principais elementos, onde ampliamos a información e a veciñanza pode obter unha experiencia máis didactica e inmersiva.
Realizamos unha cobertura audiovisual dos eventos culturais e deportivos, retransmitíndoos en directo vía streaming, accesible dende calquera rincón do mundo.
As asociacións e os colectivos contan con asesoramento e axuda á hora da tramitación e o desenvolvemento de ferramentas dixitais.
A adopción da administración electrónica permítelle á veciñanza realizar os seus trámites e relacionarse coa administración as 24 horas do día e dende calquera punto do planeta.